A sexualidade na infancia

Comparte

Así recolle a información o Xornal de Lemos

O pasado 22 de xaneiro tivo lugar no CEIP Ricardo Gasset do Incio unha actividade divulgativa baixo o título de “A importancia da educación sexual no desenvolvemento dunha identidade saudable: a importancia de falar das emocións”. Segundo nos indica Elvira, o concello correu co custe da mesma e a organización foi cousa da ANPA que contactou coa Asociación ASEIA, responsable da acción, despois de ver o bo traballo que levan a cabo no terreo da educación emocional e sexual.

“Decidimos ter esta actividade porque sentimos que é necesaria unha educación sexual e emocional dos nosos nenos e nenas antes de chegar á adolescencia e tamén unha educación en familia” engade Elvira, da ANPA do Colexio Ricardo Gasset.

ASEIA, Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia, é unha asociación especializada na atención integral en saúde emocional e mental comunitaria dos nenos, adolescentes e as súas familias. A responsable da actividade no Incio foi Rebeca Fernández Pereira que é coordinadora do programa “Adolescencia positiva: unha cuestión familiar” na que se enmarcan este tipo intervencións divulgativas. Falamos con ela da experiencia e da receptividade dos nenos, nenas e familias do Incio.

Cantos nenos e nenas participaron e de que idades?

Penso que eran uns 15 e con idades comprendidas entre os 7 e os 11 anos. Inicialmente o enfoque que lle dabamos a estas actividades era para adolescentes pero fomos vendo que o tema podía tratarse xa na infancia e agora traballamos moito con nenos e nenas de primaria.

Non estamos a falar logo de educación sexual en sentido estrito?

A idea é presentar a educación sexual como algo máis amplo que abrangue as emocións, a consciencia do noso propio corpo, a comunicación…

No aspecto pedagóxico, como se presentou a actividade?

Con dúas sesións, unha das 16:30 a 17:30 h. só cos nenos e nenas e outra das 17:30 ás 19:00 h. cos pais e coas nais.

Que fixestes na sesión cos cativos, logo?

Tratamos a respiración, as emocións e o coñecemento do propio corpo. A idea era darlle un sentido “vivencial” a esta parte na que temos que saber recoñecer como nos sentimos, que sensacións temos sos e en compañía e/ou en contacto con outras persoas.

Que tipo de exercicios se puxeron en práctica?

Traballar o contacto e as sensacións que se teñen. De forma individual fixen que os nenos e nenas se tocasen, percorreran os seus corpos para deixarse sentir e expresar as sensacións que lles producía. E tamén fixemos exercicios por parellas, mirándose cara a cara, sentados de costas, aproximación física entre eles…

Sentiron vergoña nalgún momento, foilles violento?

Para nada, todo fluíu con moita naturalidade. E máis tendo en conta que O Incio é un concello pequeno no que practicamente se coñecen todos entre eles.

E despois desta toma de contacto previa, como avanzou a actividade?

Entramos a falar de “sexualidade”. Pedinlles unha definición da palabra, que me dixesen que entendían por sexualidade. Houbo contestacións graciosas e algunhas básicas, como que sexualidade era home ou muller, pero en xeral todos e todas sabían o seu significado. Despois xa entramos a falar con naturalidade do tema e pedín que me fixeran preguntas. Neste punto si que tiñan pudor, vergoña, aínda que foron soltándose e preguntaron cousas interesantes.

Cres que hai déficit de coñecementos sobre sexualidade na escola?

Penso que si. O ideal sería que fose unha materia por si mesma pero non se trata como tal. Os coñecementos veñen a partir doutras materias como coñecemento do medio, ciencias naturais… e claro, creo que non é suficiente. Ao mellor é que non hai formación dabondo no profesorado ou que non hai tempo para máis materias e a realidade demostra que cada vez temos máis demanda de actividades divulgativas relacionadas coa educación sexual.

Notas diferenza ao tratar a sexualidade nun contexto rural como foi O Incio?

A priori hai menos recursos educativos que nas cidades e non é habitual, aínda que cada vez menos, que se veña facer traballo de divulgación ao rural. Aínda así creo que o tema do sexo vívese con máis naturalidade. Igual o contacto dende pequenos cos animais e velos no día a día pode que axude nese sentido.

Tratar a sexualidade na infancia, e por que non?

Esta web emprega cookies. Podes ver aqui a política de privacidade. Se continuas navegando aceptas esta política.    Ver
Privacidad