VII Xornadas. Infancias e adolescencias Hoxe: Historias de Vida

Os pasados 2 e 3 de outubro celebráronse en Vigo as VII Xornadas de Saúde Emocional na Infancia e a Adolescencia que organizou ASEIA baixo o título “Infancias e Adolescencias Hoxe: Historias de Vida”. A organización destas xornadas contou coa colaboración do Concello de Vigo, Deputación Provincial de Pontevedra, Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e Fundación Orienta. Pola súa banda o Instituto Wilhelm Reich-Europa encargouse do asesoramento técnico das xornadas.

As medidas sanitarias por mor da actual situación de pandemia levaron a que as xornadas tivesen que aprazarse desde o mes de abril ata outubro, para desenvolverse finalmente nun formato mixto, presencial e online, que facilitou a participación do maior número de relatores e asistentes posibles, ata un número de 80.

As xornadas abríronse o venres 2 coa realización de dous obradoiros simultáneos. David García Díez, director do Instituto Wilhelm Reich-Galicia abordou a importancia do corpo no reencontro coas propias historias de vida, especialmente orientado ao traballo introspectivo dos profesionais que desenvolven a súa labor profesional con nenos/ as e adolescentes. Pola súa banda Gela Ledo e Tania Lago, da Asociación Galega de Familias Adoptivas e Acollemento Familiar Manaia, traballaron sobre o acollemento familiar dende a perspectiva vivencial das familias e os menores.

Obradoiro 1. David García Díez
Obradoiro 2. Asociación Manaia

A xornada do sábado 3 iniciouse cunha primeira mesa redonda na que participaron Joseph Knobel Freud, Psicólogo Clínico e director da Escola de Clínica Psicanalítica con Nenos e Adolescentes de Barcelona, Vanessa Rodríguez Pousada, Psicóloga Sanitaria e Profesora Colaboradora da Universitat Oberta de Catalunya e Ricardo Fandiño Pascual, Psicólogo Clínico e presidente de ASEIA. A mesa tratou ao redor das problemáticas clínicas e psicosociais dos adolescentes contemporáneos tentando ir máis aló dos modelos clásicos que teorizan a intervención con este grupo de idade.

Vanessa Rodríguez, Ricardo Fandiño e Joseph Knobel Freud

A continuación, unha segunda mesa contou coa participación de Jordi Planella Ribeira, Catedrático en Pedagoxía Social da Universitat Oberta de Catalunya que abordou a importancia das biografías corporais ou corpografías na construción das identidades de nenos e adolescentes. Aurora Guardia Martín, Psicóloga Clínica, e Emilia Rodríguez Rodríguez, Psiquiatra, ambas facultativas especialistas nunha Unidade de Saúde Mental que traballa con poboación infanto-xuvenil, axudáronnos a comprender as dificultades da abordaxe, as limitacións de medios e a realidade da intensa demanda asistencial.

Jordi Planella e Aurora Guarda

Antes da pausa para xantar Cristina Martínez Bernárdez, Psicóloga Sanitaria e Eva Gil Rodríguez Educadora Social, ambas de ASEIA, presentaron un proxecto actualmente en marcha denominado “Servizo de Primeiros Auxilios Emocionais para Adolescentes entre 12 e 18 anos, e coidadores de nenos/ as de 0 a 11 anos”, que está orientado a intervencións por mor da crise derivada da situación de pandemia, explicando o seu modelo de funcionamento e o impacto que está a ter nos usuarios.

Cristina Martínez e Eva Gil

Despois do descanso de mediodía a actividade retomouse coa presentación de “ SEX webserie: Moito máis que unha serie sobre educación sexual” por parte de Conchi Estévez Villar, Profesora na Escola de Enfermería da Universidade de Vigo, e Adriana Villanueva da produtora audiovisual Illa Bufarda. Esta presentación contou tamén coa participación dos actores da serie, Iría Freire, Noelia Liñares e Anxo Calo que nos contaron a súa experiencia no desenvolvemento do proxecto e a súa vivencia como adolescentes acerca da educación sexual.

A terceira mesa redonda contou cos seguintes relatores: Mariano Sparice Psicólogo e psicoterapeuta que interveu dende Nápoles, Juan Pérez Rodrigo, Mestre e Psicólogo, e Karina Bacelar Pereira, Psicóloga Clínica de ASEIA. Nesta mesa abordáronse diferentes enfoques da intervención con familias, nenos e adolescentes dende perspectivas clínicas, comunitarias e da administración pública, poñéndose énfase en aspectos técnicos, pero tamén éticos do traballo profesional na actualidade.

As xornadas pecháronse coa intervención de Jerónimo Bellido Pérez, Psicólogo Clínico, Sociólogo e director do Instituto Wilhelm Reich-Europa, que abordou a terceira parte da súa triloxía sobre as infancias e adolescencias contemporáneas, incidindo na importancia do mundo intrapsíquico e intersubjetivo, así como a metodoloxía das historias de vida para a atención clínica aos menores e as súas familias.

Pablo Villarino, Jerónimo Bellido e Ricardo Fandiño

Un ano máis as Xornadas de ASEIA pecháronse cun bo sabor de boca para organizadores, relatores e asistentes, tanto pola calidade das intervencións como polo cálido dos encontros, especialmente valiosos nestes tempos de pandemia. Quedamos emprazados para a VIII edición deste encontro.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Esta web emprega cookies. Podes ver aqui a política de privacidade. Se continuas navegando aceptas esta política.    Ver
Privacidad